miércoles, 16 de abril de 2008

Unir América y Europa a través de Galicia


O SECRETARIO DE EXTERIORES PROPÓN EN BUENOS AIRES “UNIR EUROPA E AMÉRICA LATINA A TRAVÉS DE GALICIA”

 Julio César Fernández Mato vén de presentar aos presidentes dos centros galegos de arxentina o proxecto de difusión da Unión Europea en América Latina
 Nun encontro na Delegación da Xunta en Buenos Aires, avanzou que este programa ten como finalidade dar a coñecer as institucións comunitarias e os dereitos de todos os cidadáns europeos
 O responsable da política exterior do Goberno galego afondou nesta liña nunha entrevista co titular da Subsecretaría de Integración Económica Americana e Mercosur, Eudardo Alberto Sigal

Buenos Aires, 15 de abril de 2008.- O Secretario Xeral de Relacións Exteriores do Goberno galego, Julio César Fernández Mato, vén de propoñer aos presidentes dos centros galegos de arxentina sumarse á tarefa de “unir Europa e América Latina a través de Galicia”. Fixo este chamamento nun encontro mantido este martes na sede da Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires no que lles informou do proxecto de información sobre a UE que se vai desenvolver de xeito piloto en Arxentina, a través da colaboración do Executivo galego, a Fundación Galicia Europa e a propia Delegación.

Segundo informou Fernández Mato, este proxecto despréndese da colaboración acordada a principios deste mes entre o Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e o director xeral de Relacións Exteriores da Comisión Europea, Eneko Landaburu, para “aproveitar a relación privilexiada” do noso país con algúns países de América Latina.

Neste contexto, preténdese utilizar a Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires e a rede de centros galegos do país austral para divulgar a actividade da UE nas diferentes áreas de actuación, comunicar as oportunidades que ofrecen as institucións comunitarias para os distintos sectores profesionais e sociais, así como para a cidadanía en xeral e dar a coñecer o que significa a cidadanía europea á poboación latinoamericana, con especial atención aos galegos residentes no exterior.

Así o puxo de manifesto o Secretario de Relacións Exteriores da Xunta, animando ás entidades a participar e sumarse ás conferencias, charlas e actividades que se programen no marco desta iniciativa piloto que se vai desenvolver en Arxentina ao longo de 2008. De conseguirse os obxectivos marcados, este programa podería estenderse a outras comunidades latinoamericanas con presenza de cidadanía galega.

Comunicar Europa
En xuño de 2007 o Consello Europeo destacou a necesidade de reforzo da comunicación cos cidadáns europeos e de fomento da participación da sociedade civil. Nesta liña, estanse a impulsar as accións de información e comunicación, así como fomentar as relacións coas organizacións da sociedade civil. As accións que se desenvolvan na comunidade autónoma de Galicia tamén deben incluír á numerosa poboación galega residente no exterior e a súa rede asociativa. Galicia mantén unha relación de colaboración e cooperación con América Latina debido á importante presenza de galegos e galegas nestes países, así como aos intereses económicos e culturais comúns.

Contactos institucionais Galicia-Mercosur
O responsable da política exterior do Goberno galego afondou nesta liña de traballo nunha entrevista que mantivo co titular da Subsecretaría de Integración Económica Americana e Mercosur, Eudardo Alberto Sigal. Na sede da Cancillería, Mato e Sigal acordaron colaborar neste proxecto de difusión de Europa en América, así como desenvolver outros recursos de relacións para reforzar e fortalecer os vínculos entre Galicia e Arxentina e servir de unión entre Europa e América.

Eduardo Sigal trasladoulle ao Secretario de Exteriores a plena disposición do Goberno arxentino para colaborar neste eido e recoñecemento do papel que pode xogar Galicia nas relacións entre o Mercosur e Europa.



SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN

No hay comentarios: